Proposta para os terreos portuarios da cidade da Coruña

Data
2019
Situación
A Coruña
Promoción
Concello da Coruña
Autoría
Hábitat Social, Flu-or, Ergosfera e Damián Romay
Outros
Proposta con maior puntuación polo xurado do concurso, e mellor valorada na votación cidadá.

O concello de A Coruña convocou a finais de 2018 un Concurso de Ideas para o Porto co obxectivo de xenerar propostas e fomentar o debate público sobre o futuro dos terreos portuarios de A Coruña. A nosa proposta, co lema "Porsuporto" e desenvolvida por Hábitat Social xunto con Flu-or, Ergosfera e Damián Romay, resultou unha das cinco escollidas polo xurado do concurso.

Porsuporto é unha proposta en tres tempos para abrir o bordo litoral aos usos urbanos, manter as actividades portuarias e consolidar a titularidade pública dos peiraos.

No curto prazo, formúlanse transformacións inmediatas, de baixo custo e provisionais, para abrir vistas, camiños e pequenos espazos públicos de convivencia e contigüidade co porto.

No medio prazo, co traslado de varias actividades cara o porto exterior, introduciranse os usos públicos e as novas formas de mobilidade, aproveitando as posibilidades das estruturas singulares como a dársena da Mariña ou a Medusa, e dando lugar aos espazos en reserva para acoller as necesidades do futuro.

Xa no longo prazo, propóñense importantes reordenacións urbanísticas que fixan a súa condición pública e portuaria, mentres tecen a cidade co mar desde a perspectiva transversal dos barrios e a lonxitudinal da área metropolitana.

A liberación de espazos fai posible a formulación dun plan de mobilidade multimodal e sustentable que responda á problemática dependencia do automóbil. Na escala urbana, facilítanse os desprazamentos peonís, ciclistas e en transporte público, incluíndo carrís exclusivos, e a nivel metropolitano, recupérase o transporte marítimo para as conexións dentro da ría e aprovéitase a rede ferroviaria existente para implantar un tren de proximidade ata San Diego.

En termos de sustentabilidade, a proposta baséase no aproveitamento das fontes de enerxía renovables presentes no ámbito (mareas, ventos e sol), no peche de ciclos en termos de metabolismo urbano, favorecendo a reutilización e a reciclaxe das infraestruturas sen uso, e no tecido da rede rexional de espazos naturais, coa incorporación de numerosas zonas verdes e a recuperación do tramo final e a marisma do río Monelos.

O modelo económico formulado asume a condonación ou a refinanciación da débeda portuaria, e baséase na consolidación das súas actividades económicas, na introdución de novos usos loxísticos, produtivos, terciarios e residenciais, nun solo que seguirá sendo público na súa totalidade, e na procura da máxima autonomía política e financeira do Concello para desenvolver as transformacións propostas.

Respecto ao dereito á participación cidadá no futuro do porto, defínese unha metodoloxía na que administracións, veciñanzas, xentes do porto, institucións profesionais e sector privado
compartan espazos, responsabilidades e poder de decisión, nun proceso adaptado aos tempos de traballo da cidadanía no que a información, o debate e o control público sexan continuos en todas as etapas.

Deixando atrás a lóxica inmobiliaria dos famosos convenios de 2004, imaxínase un porto que segue a ser porto e unha cidade que se infiltra para posibilitar, coma no dique de Abrigo,
o espectáculo de vivir como urbano o que en orixe era só infraestrutural.


Podes consultar a documentación final presentada aqui:

-5 Paneis A0

panel 1: .jpg (7.2MB) - .pdf (28.1MB)
panel 2: .jpg (8.6MB) - .pdf (33.1MB)
panel 3: .jpg (9.4MB) - .pdf (35.7MB)
panel 4: .jpg (8.9MB) - .pdf (33.5MB)
panel 5: .jpg (5.6MB) - .pdf (17.3MB)

-Memoria.
.pdf galego (13.6MB) | .pdf castelán (13.9MB)

-Video resumo de tres minutos:

Podes completar a información aqui:
Ergosfera
Tecendo litoral


Etiquetas: Participación, Proxectos