Home / Novas /

E nace unha nova cooperativa…

04/03/2015

Mulleres Colleiteiras é un proxecto de autoemprego para mulleres en exclusión a través da recollida e reciclaxe do aceite usado que naceu hai dous anos da man de Arquitectos Sen Fronteiras co apoio da Asociación de Veciñ@s de Montealto. O obxectivo deste proxecto é a inserción sociolaboral de mulleres dos asentamentos chabolistas das Rañas e A Pasaxe a través dunha actividade que repercute na mellora do medioambiente a nivel local. Dende o comezo do proxecto ata o día de hoxe participaron de maneira voluntaria 23 mulleres, realizando ademais da recollida do aceite, actividades de formación e difusión da iniciativa coa idea de dala a coñecer noutros barrios da cidade e máis alo.

Dende o mes de Setembro de 2014, tivemos a sorte de seguir este proceso dunha maneira máis próxima compartindo a nosa experiencia e participando no acompañamento das mulleres para animalas a dar un pasiño máis constituíndose como cooperativa. A través das sesións de traballo que realizamos co apoio da Rede Eusumo, foron coñecendo qué é unha cooperativa e cómo funciona, para pouco a pouco ir definindo como queren que sexa a súa.

O grupo promotor inicial estará formado por Lourdes e Esther, das Rañas; e Rosa e Josefa, da Pasaxe. Catro mulleres cunha idea clara: buscar unha vida mellor para elas e as súas familias. Elas serán as que comecen a levar as rendas desta nova empresa, pero o resto das 23 mulleres seguirán os seus pasos moi de cerca apoiándoas con labores de difusión e formándose na adquisición de novas habilidades, para que pouco a pouco, cando os beneficios lles permitan acadar un soldo digno a estas catro primeiras, podan ir incoporándose o resto.

Así pois, o pasado xoves 19 firmaron a acta de constitución e os estatutos da nova cooperativa, e aínda que queda moito traballo por diante que facer, dende Hábitat Social podemos dicir que estamos moi orgullosxs de acompañar este proceso tan complexo como satisfactorio, onde compartindo momentos, estamos aprendendo da motivación e das gañas de superación e comprobando dende a primeira liña, a transformación destas mulleres que día a día se senten máis seguras e orgullosas de si mesmas para poder acadar os seus obxectivos.

Ánimo rapazas! Seguimos.