Aula da natureza en Dexo

Data
2017 (anteproxecto)
Situación
Dexo, Oleiros (A Coruña)
Promoción
Privada
Colaboración
Paloma Soriano

A importancia da pedagoxía dende idades temperás para transmitir os valores da sustentabilidade e do respecto pola natureza xunto á escaseza de lugares axeitados onde facela levou aos promotores a lanzar esta iniciativa, situada estratexicamente a carón do espazo natural costeiro de Dexo-Serantes, na área metropolitana da Coruña. A finca, duns 5500 m2 (con piñeiros de certo porte, unha lixeira pendente cara o SO e un pronunciado cómaro no linde NE), debe aloxar un programa de edificacións destinadas a dormitorios, comedor, cociña, aulas e residencia para formadores, e mais de espazos exteriores destinados a horto, granxa, zona de xogos, etc.

Primouse a integración das construcións na parcela: escasa volumetría, agrupación do programa evitando a excesiva diseminación e adaptación á topografía existente. A distribución de edificios e baleiros pretende manter a apertura visual sobre o val á vez que a presenza do piñeiral. Así mesmo, procura a aparición de ámbitos funcionais, determinados pola relación entre o uso de cada edificación e o seu espazo circundante. Por último, a xestión eficiente dos recursos (auga, enerxía) tamén inflúe na ordenación.

Cunha perspectiva pedagóxica, preténdese que o propio proxecto sexa un mostrario de diferentes estratexias e técnicas construtivas orientadas aos principios da iniciativa. Así, propóñense sistemas variados aplicados aos diferentes edificios (palla, pneumáticos, reutilización de containers) pero que comparten unhas lóxicas comúns como a xestión eficiente dos recursos e o baixo impacto sobre o medio e as persoas.

Etiquetas: Proxectos, Bioconstrución