Home / Experiencias / Arquitectura /
Na parte alta da parroquia de Sueiro, a uns 15 km da Coruña, D. e M. van mercar unha vella casa de aldea para convertela no seu fogar. A excepción do tellado, substituído hai un par de décadas, a casa non sofreu grandes modificacións polo que mantén unha imaxe e unha escala atractivas e conserva elementos característicos como a lareira, o forno ou a cheminea, mais carece dunhas condicións mínimas de habitabilidade, o que obriga a unha rehabilitación integral, a cal se terá que afrontar cun investimento bastante axustado.
As reducidas dimensións da casa para o programa funcional (catro persoas, zona de estudio), así como un espazo interior escuro e con pouca relación coa parcela, levan a pensar en abrila e expandila. Proponse unha galería acaroada á fachada posterior, comunicada coa cociña co estar e co xardín, un espazo luminoso, complementario e polivalente (acceso, zona de estar, lavandería, invernadoiro, etc.), que ademais permite unha circulación dobre na planta baixa e que serve de recurso bioclimático coas súas funcións de colchón térmico e captador solar no inverno.
Óptase por unha configuración típica de zona de día no nivel inferior e zona de noite na planta superior. A dependencia do automóbil para os desprazamentos fai pensar nunha duplicidade nos accesos á vivenda, cunha entrada máis simbólica na fachada principal e outra de uso máis habitual na fachada posterior, logo de aparcar o coche dentro da parcela. A lareira e a nova posición da escaleira determinan a configuración das diferentes pezas. A zona de estudo vaise situar no alpendre anexo abrindo un oco de paso dende a sala de estar. Outro de maiores dimensións ábrese entre a sala e a galería. Para gañar altura libre na planta baixa e introducir un sistema de soleira ventilada escávase na medida do posible e refórzase a base dos muros, con cotas do chan que se van graduando nas distintas pezas, dende a máis baixa, o estudio, ata a máis alta, a galería, adaptándose o desnivel existente entre a parte dianteira e a traseira.
En canto a materias e sistemas, a estrutura vai combinar a pedra dos muros preexistentes coa madeira laminada do forxado e da galería. Para as fachadas proponse un sistema de illamento polo exterior con panel de fibra de madeira acabado con recebo de cal, excepto no corpo do estudio, onde se mantén a pedra á vista no exterior, trasdosando polo interior. Como illante térmico emprégase a fibra madeira, flexible en cuberta e trasdosados, e ríxida no chan; no caso da soleira da galería, optouse pola cortiza expandida. As carpinterías exteriores son de madeira laminada de piñeiro e para as interiores reutilízanse portas recuperadas dunha demolición. Como sistema de calefacción e produción de AQS a vivenda conta cunha bomba de calor, combinada con chan radiante. Dispón tamén de ventilación mecánica con recuperador de calor.
Etiquetas: Reforma