Home / Experiencias / Arquitectura /
Os propietarios querían recuperar a casa de orixe da familia del, unha vivenda de aldea que, co paso do tempo, foi sufrindo varios engadidos e intervencións para ir adaptándose ás necesidades das tarefas do campo e do gando, e que levaba abandonada varios anos. A vivenda tiña a zona de día compartimentada na planta baixa e os dormitorios na superior, da construción orixinal so conservaba os muros. Das edificacións destinadas aos animais so se mantiveron, con esforzo, os muros de cachotería, mentres que os anexos de bloque e o cuberto de fibrocemento se retiraron para recuperar espazo de xardín.
O encargo consistía en rehabilitar a vivenda, actualizando o seu uso para convertela nunha residencia familiar, pensada para desfrutar sobre todo en tempadas, acoller convidados e tamén poder traballar ocasionalmente. Unha adaptación que tamén recupere a esencia da casa tradicional, algo desvirtuada polas intervencións feitas ao longo dos anos, tanto no exterior como no interior.
En canto á organización dos espazos, mantívose a edificación orixinal como vivenda principal, unificando cociña, comedor e sala nunha planta baixa aberta e diáfana, e situando os dormitorios na planta superior. A construción anexa incorporouse como zona de acceso, e estancias con certa flexibilidade de uso, para acoller convidados, zona de traballo ou sala de lecer.
Este volume relaciona a parte dianteira da parcela, co acceso dende o camiño da aldea e o estacionamento de vehículos, coa parte traseira, onde está o xardín con piscina e grella, unha zona máis resgardada e privada. O xardín queda protexido por dúas construcións. Ao sur, a antiga corte das vacas converteuse nun espazo de comedor e reunión, para o cal foi necesario potenciar a relación co exterior, abrir entradas de luz natural, vistas, e conectar co exterior, ampliando o uso cara á zona cuberta e ao xardín. Mantivéronse os muros de pedra e alixeirouse a construción elevando as cerchas da cuberta.
Na parte norte, sobre a terraza do xardín, engadiuse un volume novo destinado a almacenamento e instalacións, que se distingue das construcións preexistentes polo uso de estrutura e pechamento de madeira ventilada, con cuberta vexetal.
Como a aldea non conta con rede de abastecemento nin saneamento, empregase auga de pozo, e instalouse soterrado un depósito decantador-dixestor e un pozo filtrante para depurar as augas negras. Para o quecemento elixiuse a aerotermia, tanto para a calefacción como para a auga quente, e complétase cunha estufa de leña na sala e unha cociña de leña no comedor traseiro. Isto axuda a acelerar o quecemento das estancias, xa que para preservar a imaxe exterior dos muros de pedra, illouse a casa polo interior.
Os dous materiais protagonistas do proxecto son a pedra e a madeira. A pedra mantívose como imaxe principal das edificacións. Os muros de esquisto cuarcítico (unha pedra pequena, semellante ao taco de Santiago) restauráronse para mellorar a súa estabilidade e estanqueidade. Nas zonas onde non foi posible conservar a pedra, completouse a altura con fachadas ventiladas de madeira de piñeiro termotratado, tamén empregada no volume novo. No interior utilizouse castiñeiro para os elementos en contacto, como o chan da planta alta, o mobiliario e as carpinterías exteriores, mentres que o abeto se empregou para a estrutura e os teitos. A pedra tamén volve aparecer nos chans da planta baixa, tanto interiores como exteriores, en forma de lousa, con formatos e acabados adaptados a cada uso.
Cun (*) as fotografias realizadas por Jacobo Formoso