Obradoiro Fuxir do Centro

Data
2013
Situación
Valadares (Vigo)
Promoción
Hábitat Social
Colaboración
Manoel Santos (decrecemento), Proxecto Caracol (experiencias), César Lema (permacultura), Elena Cardezo (aspectos legais), Jimena Varela (cooperativas de axuda mutua), Verónica Campos e Raquel Budiño (facilitación), Asociación Espiga (bioconstrución), Cooperativa Nosa Energía (soberanía enerxética).

No encontro da rede Arquitecturas Colectivas que se celebrou en Valadares (Vigo) co fío argumental do “bo vivir”, tivemos a ocasión de propoñer e dirixir unha das mesas de traballo: #fuxirdocentro.

A aspiración á emancipación vital como resposta á deriva do sistema capitalista, levounos a indagar sobre aquelas fórmulas de habitar que apostan pola autonomía incorporando aspectos de responsabilidade e compromiso coa sociedade e coa natureza. En concreto, a través desta actividade pretendemos un achegamento a un fenómeno que, non sendo novo, parece coller forza nos últimos anos no noso entorno: a saída da cidade (colectiva ou individual) cara espazos de oportunidade no territorio, ata o de agora esquecido e infrautilizado, na procura de xeitos alternativos (non só por diferentes, senón por integrais e sustentables) de vida e traballo, nunha especie de proceso inverso á dinámica de concentración (poder, recursos, man de obra, coñecemento, etc.) da urbe.

Mediante debates e presentacións, a finalidade da actividade foi por un lado a de afondar neste modelo, cuestionando a súa viabilidade e potencia, esclarecendo vantaxes e inconvenientes, ou valorando a súa capacidade para a recuperación dun patrimonio condenado á desaparición como o do agro galego, e por outro, a de adquirir un coñecemento máis técnico sobre distintos eixos (legal, tecnoloxía, procedementos), que facilitase o desenvolvemento deste tipo de experiencias.