Casa de terra na Pobra do Brollón

Data
2013­-2017
Situación
Pobra do Brollón, Lugo
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social

Esta casa xurde do desexo dunha parella que atopa na zona de Lemos o lugar no que instalarse para desenvolver os seus intereses persoais, en contacto continuo coa natureza e seguindo os principios da permacultura. A parcela atópase nunha zona bastante illada, rodeada dunha paisaxe fermosa.

Partindo das preexistencias, a intención é rehabilitar a antiga casa (en ruinas) e ampliala para cubrir as necesidades actuais dos novos habitantes, creando un hábitat saudable e consciente co entorno. Procúrase un sistema de construción natural que sexa apropiado ao lugar, e que na medida do posible sexa de baixo custe. A opción inicial é o tapial, sistema de terra encofrada con tradición na zona de Lemos, mais na actualidade, non existen construtores locais que manexen a técnica, polo que se opta polo cob (sistema manual de terra moldeada con machete) para os muros novos asi como para a reconstrución dos existentes. Tanto o tapial como o cob ofrecen unhas características moi semellantes.

Os materiais (terra, pedra, madeira de castiñeiro, etc.) e a man de obra son na súa maioría de procedencia local, coa intención de poñer en valor os saberes tradicionais, facendo que o impacto medioambiental sexa mínimo ao aforrar desprazamentos e enerxía no seu proceso de elaboración (mesmo a terra se extrae da propia parcela) e que a inversión revirta economicamente na zona. Ademais, a través do deseño bioclimático da vivenda e a utilización de materiais naturais, quérese optimizar a eficiencia enerxética da mesma e o seu confort.

Empréganse estratexias como a orientación para aproveitar a luz e calor do sol ou a inercia térmica (que achegan os muros de terra e pedra de 60 cm de espesor) para a acumulación da enerxía, ademais de solucións como a cuberta vexetal (illada con cortiza), ou materiais transpirables e higroscópicos como arxila e a cal para a regulación da humidade interior. A casa tamén incorpora instalacións que procuran o aforro e a reciclaxe: un sistema de paneis solares e baterías que cubre a demanda de electricidade (instalación autónoma), inodoros secos prefabricados (que non necesitan auga e onde o material orgánico pode reutilizarse como abono), un sistema de depuración natural para as augas grises, e unha estufa de biomasa para calefactar a casa.

Imaxes: Yolanda Dolling e Hábitat Social

Etiquetas: Bioconstrución