Cinema e librería Númax

Data
2014
Situación
r/ Concepción Arenal, 9 Compostela
Promoción
Numax, S. Coop. Galega
Proxecto
Hábitat Social
Xestión de obra
Hábitat Social

“NUMAX é un cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual” (numax.org). Cando este reto chegou á nosa mesa, na primavera de 2014, axiña entendemos que se trataba da oportunidade de participar nunha iniciativa senlleira no país, cargada de valores (dinamización cultural, modelo cooperativo, etc.) e cun alto potencial transformador, capaz de acadar todo o noso interese e compromiso.

Partíamos dun programa de necesidades complexo (sala de cinema para un mínimo de 70 persoas, librería, ambigú e oficina) a organizar nun baixo comercial atractivo (boa situación, esquina en edificio singular, luminoso), mais xusto de dimensións para os uso previstos (superficie e altura libre), e cunhas características que non eran as idóneas para todos eles. Limitado ía ser tamén o orzamento da obra, aínda máis cando a prioridade viña marcada cara un equipamento audiovisual de primeira orde.

Trabállase na procura dunha solución práctica e amable, sen marxe para concesións. Os requisitos técnicos, en especial os da sala de cinema (illamento e acondicionamento acústicos, parámetros xeométricos para unha correcta visión da proxección), adquiren un peso determinante. Tanto o encaixe funcional dos distintos espazos como o meirande parte do investimento, pasan por dita sala. Na organización interior, destaca tamén a relación entre os dous usos públicos (cinemalibrería): necesaria transición entre espazos de caracteres opostos, presenza dun no outro, etc.

A intervención é completa e abrangue dende o reforzo da estrutura existente ata o deseño do mobiliario. No exterior cínguese ás carpinterías para respectar á imaxe do edificio, deseñando unhas novas para a fachada de acceso e recuperando as existentes da outra. En canto aos materiais, aténdese á economía e a un uso sincero e directo dos mesmos, para o que se opta, no posible, por solucións de mínimos que, á vez que resolven as necesidades técnicas, achegan as calidades de imaxe e acabado.

En canto ao proceso, ademais do deseño (en estreita colaboración co equipo de Numax) e da dirección da obra, levamos a cabo a xestión da mesma, o que repercutiu positivamente tanto no calidade do resultado como no aforro económico.