Obradoiro para a creación colaborativa dunha mini-biblioteca de rúa

Data
2022
Situación
Santiago de Compostela
Promoción
7H Cooperativa Cultural, Concello de Santiago
Autoría
Hábitat Social, 7H Cooperativa Cultural

No marco do proxecto cultural Utópicas: arte e territorio, deseñado pola cooperativa 7H en Compostela para a exploración ao redor da creación artística colectiva, desenvólvese a acción Libros que fan barrio. Seguindo a corrente das bibliotecas de rúa, que fomenta o intercambio de lecturas entre a veciñanza como xeito de reforzar a vida comunitaria e o sentimento de pertenza, esta acción procuraba a creación dun pequeno moble-librería para instalar no barrio de San Pedro (mais que podería ser replicado noutras zonas da cidade).

Fronte a unha mera reprodución dalgún dos modelos que se poden atopar na rede, buscouse implicar ás persoas participantes no obradoiro tamén na súa concepción, de xeito que o proceso se enriqueceu con reflexións sobre procomún, lóxicas de deseño, deseño colaborativo, autoconstrución, reciclaxe, etc.

Entre os criterios valorados polo grupo para a solución da biblioteca, destacan a durabilidade e accesibilidade do material (taboleiro de madeira para exterior), a facilidade de execución por persoas non especializadas (cortes rectos, unións con parafusos), e un deseño que favorecese a protección da chuvia e a accesibilidade das persoas, á vez que transmitise unha imaxe recoñecible e amable.